17.2.09

O blog múdase a BLOGALIZA

Tras oito meses de andaina nesta plataforma global que é blogspot, A TRENZA múdase á plataforma galega de bitácoras BLOGALIZA. Xa que logo, o novo enderezo a partir de hoxe é: http://atrenza.blogaliza.org. Os contidos do blog foron trasladados a blogaliza así que non perdemos nada e gañamos o calor desta lingua que nos acubilla.

16.2.09

A economía na literatura

Ante a crise, literatura, si. O malo é que ás veces, dentro dunha obra literaria, tamén atopas economía. Como non podía ser doutra maneira, a literatura que amosa con maior frecuencia contidos económicos é a feita nos Estados Unidos a partir de século XX. A narrativa ianqui resulta, cando menos ese é o meu parecer, algo claustrofóbica. Os escritores norteamericanos adoitan (non sempre, xaora!) contar historias sobre si mesmos e verbo das súas teimas entre as que salienta, de forma notable, o “tema cartos” e esa loita tan espallada pola mellora social a través do dólar.
John Updike, finado hai a penas dúas semanas, deixounos un auténtico manual de economía na súa novela “Conejo es rico”. Escollín estes dous parágrafos que me parecen reveladores da posición ianqui respecto da economía mundial. Velaquí (versión en castelán): “El dólar está condenado a seguir arrastrándose hasta que descubran cómo obtener gasolina más barata del alcohol de cereales, lo que nos restituirá en el puesto de mando. Porque cereales sí que tenemos.” Tendo en conta que o texto corresponde ó ano 1981, se cadra debería matizarse a esperanza que existe hoxe, vinte e sete anos despois, de que os cereais poidan substituír algún día ó petróleo. Outra: “Exterminarlos, digo; quitarles el petróleo a los árabes del mismo modo que se lo quitamos a los esquimales.” Abstereime de facer comentario ningún sobre esta declaración feita por outro dos personaxes de Updike naquel premonitorio ano de 1981.

12.2.09

A xira do Chisco

Estes días, chamáronme a atención dúas entrevistas publicadas en diferentes xornais, en concreto a Manuel Bragado e a Quico Peón Mosteiro, directores respectivamente de Xerais e Xacarandaina. Na primeira, Bragado manifestaba algo que nos debía preocupar e, sobre todo, ocupar: o estancamento do sector editorial en galego, e xa que logo, podemos inferir, tamén da literatura galega. Peón Mosteiro, pola súa banda, afirmaba que os integrantes do colectivo de danza galega era auténticos “voluntarios culturais”.
Coido que Chisco Fernández Naval tería algo que dicir a colación de ámbalas declaracións. O amigo Chisco anda de xira polo Cantábrico. Colleu tres días de vacacións no seu traballo “corrente” para marchar a Bilbao e ir regresando, a golpe de ALSA, impartindo charlas, presentacións e animacións, ata completar unha ducia, sobre as aventuras do seu personaxe Suso Espada. A literatura galega estáncase en Galicia pero vai abrindo espazos fóra de País.
O Chisco é un fabulador capaz de coller calquera anécdota do cotiá e mudala nun relato fascinante. Poderiamos dicir que ten o meigallo do escritor, esa rara capacidade para xogar coas escenas e coas palabras e transformalas nun poema, nunha novela ou nun ensaio engaiolantes. O Chisco é, tamén, un “auténtico voluntario cultural”, un deses espíritos altruístas que fixo causa da divulgación da cultura galega. Algún día habería que agradecérllelo.

4.2.09

La Voz contra Quintana

A Revolución Francesa instaurou a división de poderes como mellor fórmula para garanti-la supervivencia da democracia mais axiña a praxe democrática asumiu un cuarto poder: a prensa. A prensa podería xogar un papel clave na transmisión ó pobo das pautas emanadas dos tres poderes e, tamén, do seu funcionamento dende unha perspectiva neutral. Falariamos, daquela, dunha prensa independente! Disque vén sendo, a independencia, o obxectivo principal da meirande parte dos xornais, inda que na realidade, máis ca un obxectivo, resulte unha quimera.
Os xornais galegos amosan un sesgo ideolóxico claro que mesmo presenta un certo carácter “histórico”. O seu lema adoita ser o de acubillarse á sombra do poder como mellor receita de subsistencia. Porén, o principal periódico galego hai tempo que cruzou a raia do cuarto poder e xoga a ocupa-lo espazo dos tres poderes básicos: xoga a poñer e quitar gobernos (executivo), xoga a promulgar e derrogar leis (lexislativo) e xoga a sancionar e premiar a quen actúa a prol ou en contra dos seus intereses (xudicial). O pulso acostuma rematar cun acordo pouco transparente tralo cal La Voz regulariza o sesgo informativo e a contraparte toma boa nota para cando corresponda.
Normalmente todo fica agochado, ninguén comenta nada en ningures, xamais se exterioriza a contenda. Eis o silencio dos temerosos ante o cal cabe unha pregunta: Onde queda a liberdade dunha sociedade que tapa as súas miserias?
A última “vítima” do xornal é o Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana. En realidade, é o BNG, unha organización que adoita estar na diana de La Voz con frecuencia. Pero neste caso, coido que o xornal non mediu ben nin as súas forzas nin o nivel de presión. A manobra resulta tan groseira que a maioría dos cidadáns que a seguen decátanse dos intereses espúrios subxacentes. E non a toman en serio. Peor aínda, desconfían da información e mesmo deixan de le-lo xornal. Para iso están as estatísticas, claro!, o EGM. Non se confundan: os números nunca medirán o eco e a credibilidade da súa información.

25.1.09

Murado en Palestina

Fin de século en Palestina leva por título o libro de Miguel Anxo Murado no que relata a súa longa estadía, cinco anos, na Terra Santa. Como dicía meu avó, onde queda o ano 2000? Para os palestinos, tanto ten o ano 2000 coma o 48 coma o 67 ou coma este de 2009. Eles seguen vivindo nunha terra, a súa, invadida, ocupada, asediada e aldraxada ata o máis vil dos acosos e as humillacións.
Fin de século en Palestina é un libro magnífico, de descricións, vivencias, lembranzas e reflexións. “Gaza era, e segue a ser”, describe Murado, “a maior prisión do mundo, un soar de area valado con arames onde se aglomeran máis dun millón de persoas, o lugar con maior densidade de poboación do planeta... a metade dos habitantes viven en campos de refuxiados e polas billas de Gaza City corre a auga salgada do mar. A auga potable é demasiado prezada e a maior parte servía entón para regar os xardíns dos colonos israelís. Estes tiñan campos de golf na parte da Franxa na que despregaban...”
Gaza é un territorio doente onde os homes tentan sobrevivir malia o risco permanente de aniquilación. “Como sempre, a pesar do perigo, axiña apareceron os vendedores de auga, de limoada, de bocadillos... Non tiñan medo. Non lles preocupaban os soldados nin os disparos, preocupáballes quedar sen cambio.” A retranca mantén a súa presenza constante ó longo da narración: “A xente que busca os culpables das guerras entre quen se benefician delas deberían estudar o caso dos taxistas. A guerra, para eles, é case un paraíso: poden cobrar o que queiran, as normas da condución quedan en suspenso e ademais non hai tráfico nas estradas.”
Fin de século en Palestina supón un percorrido dende o pasado ata o futuro pasando por aquel presente de guerra miserable e, coma sempre, inxusta. “Ein Karem, unha fermosa vila nos arredores de Xerusalén... Ata 1948 fora unha poboación árabe de maioría cristiá... deportaran a todos os seus habitantes durante a guerra e agora convertérase nun lugar de moda para os israelís con gusto estético e cartos.” Eis un exemplo do pasado levado ó presente. Velaquí un agoiro do futuro segundo un membro da CIA en Ammán: “Os palestinos están fodidos. O mundo non é un lugar xusto.”
Se queres entende-lo chamado conflito de Oriente Próximo, se queres coñecer ata que punto chega o asoballamento do Estado de Israel e o sufrimento do pobo palestino, le o libro de Murado, onde tamén atopara-las cumpridas anotacións sobre Hamas e Al-Fatah.
Un misterio final: Como consegue combinar Murado traxedia e comedia sen que ambos efectos tan dispares se repelan?

22.1.09

A opinión de Vieiros

Se alguén quere indagar o que significaron estes dez últimos anos para o País, que consulte Vieiros: os seus arquivos vellos e os novos, as súas cabeceiras, as súas reportaxes, as súas canles, cada unha das súas seccións con tanto rigor e agarimo (cóctel fascinante) desenvolvidas; que consulte, outrosí, os seus artigos de opinión.
Vieiros non quixo ser nunca un portal, nin un soportal, nin un diario dixital, nin un sitio web nada máis. Vieiros non quixo ser tampouco aquilo no que finalmente se converteu: un anaco do País en formato dixital. Porque eu podería imaxinar Galicia / Galiza sen calquera dos seus medios de comunicación (mesmo gústame o que tal imaxino!). Non podería imaxinala, porén, sen Vieiros.
Vieiros é, ademais, moitas outras cousas: é un compromiso ético permanente, é un exercicio de independencia contra vento e marés, é unha demostración de xenerosidade case infinita (do seu editor, principalmente), é fantasía marabillosa feita realidade, é un abeiro para a esperanza e a verdade, é unha loita perpetua contra o submiso e o reaccionario.
Por todo iso eu son, sobre todo e ante todo, seareiro incondicional de Vieiros. Tamén son, sábese, colaborador habitual. Disque nos cambian de curruncho. Sóbennos a un balcón dende onde berra-las nosas opinións. Farémolo, fareino. Canda o estilo inmaculado de Xabier Cordal; canda a fonda análise de Eduardo Rego; canda o compromiso realista de Rafa Cuíña; canda a retranca abraiante de Xosé Luís Sucasas; canda a atinada puntería de Roberto Noguerol; canda a sutil ousadía de Dani Álvarez.
Un honor.

20.1.09

Nenos e pais

Onte cumpríuse o primeiro cabodano da morte de meu pai. Cando eu cumprín os corenta, advertiume: agora a vida vaiche pasar sen te decatar. Tiña razón, coma case sempre dende que eu tomei en consideración as súas opinións. De meu pai herdei o máis importante que posúo: a miña conciencia de ser, ou sexa, a miña galeguidade. El nacera nun lugar, nin sequera nunha aldea, nunha montaña pequena de Covas de Viveiro. Non sei ben o porqué mais onte fun directo a un libro que fala diso, de xentes de aldea e de galeguidade. Escrito por Xavier Castro, titúlase “Historia de vida cotiá en Galicia”. O capítulo 6, dedicado á infancia, empeza así: “Os nenos tamén teñen historia.” Na seguinte páxina, atopo o texto que buscaba: “Hai un momento de epifanía na vida das persoas. Aquel no que un descobre con abraio, cando empeza a ser maior e albisca que algúns trazos do seu carácter son idénticos, ou se asemellan dabondo, ós do seu pai; figura da que se cadra pretendiamos desmarcarnos, por resultarnos pouco plausibles tales trazos. Non é un desmarque nada doado de facer, como cadaquén pode comprobar.” Nos capítulos a seguir, debería terse engadido: “Haberá un momento en que o único que pretendamos sexa emula-lo noso pai.”

13.1.09

A vida esaxerada de Bryce Echenique

Alfredo Bryce Echenique, o autor da irrepetible “La vida exagerada de Martín Romaña”, o escritor que gañou o Planeta e o Nacional de Narrativa en España, o aspirante nalgunha ocasión ó Cervantes e, incluso, disque ó Nobel, ese narrador único foi sancionado por plaxiar 16 artigos periodísticos. El négao, fala dunha campaña contra a súa persoa, o cal resulta, se cadra, aínda máis patético.
Bryce Echenique é tristemente culpable. As probas son contundentes e unha máis que non se coñeceu. Os textos plaxiados foron publicados entre 1986 e 2006, o conto vén de vello, ben que o sabemos algúns. A UIMP da Coruña foi obxecto dun engano similar nos anos 80. Os responsables da Universidade de Verán convidárano para impartir unha charla nun curso de literatura. Ó igual que varias veces despois, Bryce Echenique aceptou o convite e achegouse á nosa cidade a da-la conferencia. A sorpresa maiúscula xorde cando, algúns días máis tarde, o texto por el presentado aparece publicado no diario madrileño El País baixo a sinatura de Milan Kundera; tratábase da tradución dun orixinal anterior do novelista checo. Unha asistente ó curso da UIMP envíalle ó escritor peruano unha carta na que lle refire o infeliz achado. Bryce Echenique responde recoñecendo a evidencia, e alegando motivos de falta de tempo e dificultades de carácter pois “el non sabe rexeitar ningunha petición”.
Bryce Echenique declarou en varias ocasións que a el, o que realmente lle importaba, era ser querido. E que non soportaba molesta-los demais. Seguramente, detrás do incomparable narrador, sobreviva como mellor pode unha personalidade vulnerable ata a fraxilidade extrema. Son coñecidos os seus problemas de caste sentimental, os seus desencontros co alcol e as súas etapas depresivas. Hai pouco regresou a Barcelona, disque recuperado. “Las obras infames de Pancho Marambio”, a súa última obra, demostra que, no eido creativo, a súa recuperación non é total. Moito tememos que esta sanción por plaxio supoña o final definitivo dunha prolífica e marabillosa carreira literaria.

8.1.09

Xornalismo e novela

E o Nadal foi para Maruja Torres, xornalista e escritora catalana. O de catalana é o de menos, seica. O Nadal ten sona de premio serio, sobre todo comparado co Planeta. Pero non sei eu. Moito se ten escrito sobre a relación entre xornalismo e literatura. Eu lin “Hombres de lluvia” e, sinceramente, pareceume un despropósito literario, máis grave aínda por localiza-la historia nun escenario tan suxestivo coma Beirut. Chámame a atención que alguén “capaz” de perpetrar unha novela como a devandita sexa acredora, poucos anos despois, dun premio Nadal. E ese título, "Esperadme en el cielo"...
Comparouse máis dunha vez a Maruja Torres con Oriana Fallaci. Destoutra xornalista e escritora, lin “Penélope en la guerra”, novela se cabe aínda máis catastrófica. Dúas mulleres excepcionais, das que chaman comprometidas, sempre polémicas, de grande mérito como xornalistas, como reporteiras, coma líderes de opinión. Agora que coma escritoras, non sei eu. Malia partir dunha mostra tan minúscula, xorde cando menos a dúbida sobre esa relación disque evidente entre xornalismo e literatura. Aínda que o Nadal, como antes varios Planetas, fora para unha xornalista.

2.1.09

Atención á gramática

O sector editorial galego vén aumentando notablemente as súas propostas de libros traducidos doutras linguas. Coido que é unha magnífica noticia porque, na miña opinión, un dos principais problemas da literatura en galego vén sendo a falta de masa crítica (argumentos xustificativos nesta ligazón). En xeral, coido que os títulos están seleccionados con acerto e que as traducións resultan de calidade.
Como curiosidade, moitas das traducións empéñanse nun erro gramatical que, a forza de repetido, pasa por uso correcto. Refírome ó tratamento do complemento directo. É ben fácil atopar frases do tipo: “Fulano saudou ao home do paraugas verde” ou “Mengana acusou ao ladrón de luva branca”, por exemplo. Nalgunha das traducións, contei máis de vinte erros desta caste.
A equivocación vén propiciada, loxicamente, pola presión do castelán sobre a comunidade de falantes en galego. Preocúpame, sen embargo, que tal uso deturpado da lingua non lle soe mal nin ó propio tradutor, nin ó corrector, nin ó editor nin a ninguén na cadea de publicación do libro. E que chegue ás mans do lector e que, se cadra, el tampouco perciba nada estraño.