24.12.08

Marketing de Instituto

Hai un periódico en Galicia que publica un suplemento semanal dedicado a Cultura; de feito, case tódolos xornais galegos publican un suplemento semanal dedicado a Cultura. Pero este ó que me refiro publica ademais tres clasificacións de libros máis vendidos: Máis vendidos de fición, Máis vendidos non de fición e Máis vendidos en galego. Seica o galego é un xénero de seu onde cabe o ensaio, a novela, a poesía, os contos infantís e a fotografía. Nesa clasificación de Máis vendidos en galego (a cal, por certo, non se publica sempre), adoitan aparecer uns títulos fixos e outros variábeis.
Vén isto a conto dun comentario que me fixo un colega da Radio cando a presentación d’A trenza en Santiago. Foi algo así: “moi ben a presentación, agora só necesitas que cho metan nos institutos”. Este colega, retranqueiro e ben informado, sabe que a principal técnica de marketing para facer medrar as vendas dalgúns libros é conseguir a súa recomendación nos institutos do País. E así é como narracións simples, tópicas e baleiras de calquera valor literario aparecen semana tras semana nas clasificacións dos Máis vendidos en galego (cando o xornal aquel publica a clasificación). Non parece o mellor camiño.

5 comentarios:

Anônimo disse...

Parécesme excesivamente preocupado polo marketing. O marketing vende, pero a pregunta é: Queres vender ou escribir? O verdaeiro escritor é aquel que por natureza escribe e non se obsesiona en ofrece-lo que escribe (ainda que recoñeza que o xogo inclúe esa regra).
Por outra banda, que decide o que é bazofia?
Bo Nadal. a.g.b

raul disse...

O que o libro galego necesita é marketing, marketing e máis marketing

Anônimo disse...

Seguro que tes razón. Ainda así prefiro pensar que non hai mellor marketing que un lector agradecido.a.g.b

Marcelino Fernández Mallo disse...

Eu concordo cos dous: o libro galego precisa dunha maior capacidade de difusión e achegamento ó lector (ou sexa, marketing) pero sen dúbida a ferramenta máis potente (e a máis barata) é a dos propios lectores. Sen embargo, o libro galego aínda non é quen de provocar unha marea de adhesións en torno a un libro se non hai un labor de promoción detrás. E volvendo ó motivo do post, na miña opinión, ese "marketing de instituto" que fan algunhas editoras é un erro pois dificilmente eses estudantes que len o libro por obriga, van ser despois lectores aditos ó autor. Ou sexa, pan para hoxe e fame para mañá. Creo que o labor de difusión debe dirixirse especialmente ó lector habitual. E por suposto, nese labor inclúense non só as editoriais senón moi principalmente os medios ademais de librarías, bibliotecas, clubs de lectura... e institutos.

Anônimo disse...

Todo na vida empézase a facer por obriga. Para saber que un libro é do teu agrado, necesariamete tiveches que ler un que non o fora. A obriga dun instituto non é escoller as mellores obras(sobre todo porque nunca chove a gusto de todos), o que si debe facer é fomentar e respetar o espíritu crítico dos alumnos