24.12.08

Marketing de Instituto

Hai un periódico en Galicia que publica un suplemento semanal dedicado a Cultura; de feito, case tódolos xornais galegos publican un suplemento semanal dedicado a Cultura. Pero este ó que me refiro publica ademais tres clasificacións de libros máis vendidos: Máis vendidos de fición, Máis vendidos non de fición e Máis vendidos en galego. Seica o galego é un xénero de seu onde cabe o ensaio, a novela, a poesía, os contos infantís e a fotografía. Nesa clasificación de Máis vendidos en galego (a cal, por certo, non se publica sempre), adoitan aparecer uns títulos fixos e outros variábeis.
Vén isto a conto dun comentario que me fixo un colega da Radio cando a presentación d’A trenza en Santiago. Foi algo así: “moi ben a presentación, agora só necesitas que cho metan nos institutos”. Este colega, retranqueiro e ben informado, sabe que a principal técnica de marketing para facer medrar as vendas dalgúns libros é conseguir a súa recomendación nos institutos do País. E así é como narracións simples, tópicas e baleiras de calquera valor literario aparecen semana tras semana nas clasificacións dos Máis vendidos en galego (cando o xornal aquel publica a clasificación). Non parece o mellor camiño.

10.12.08

En Cultur.gal 08

Xa pasou, o Cultur.gal, a Feira das Industrias Culturais do País. Industria e Cultura galegas déronse a man, algo de mala gana, un chisco a reganadentes. Celebrouse, o Cultur.gal, entre o 4 e o 7 de Decembro, un mes ó que antes chamabamos Nadal (igual que ó falarmos de Marzo, diciamos Marzal). O sábado 6 tivo lugar unha gala conmemorativa; abofé que había razóns para a conmemoración. A gala, o Music.gal, resultou entretida e orixinal. De subliñar, subliñaría a presentación da Compañía Chévere, sempre eles, a música d'O Sonoro Maxín, nada que envexaren a Lamatumbá, e a intervención poética de Yolanda Castaño, por quen anovo a miña devoción.
Na Feira había o que hai en tódalas feiras: mercaderes e mercadores. Os uns, de distinta caste e selección, co fío común dunha lingua e dun propósito. Os outros, expectantes e, algúns, mesmo orgullosos do que se vía e do que se albiscaba para o porvir (para o por-vir).
Entre as múltiples (e “multidisciplinares”) actividades organizadas no Cultur.gal, a Asociación de Escritores en Lingua Galega montou unhas sesións de vídeo onde 48 autores comentaron o que lles petou sobre algún ou algúns dos seus libros. Nesta ligazón, ó fondo da páxina, atoparedes o falado sobre A trenza. E a seguir, en navegando por augas ben calmas, inda poderedes repasar as mensaxes de Xavier Alcalá, Chisco Fdez. Naval, Eva Veiga, Xabier Docampo, Antón Reixa, María Reimóndez, Camilo Franco... Así ata corenta e oito (e outros tantos, cando menos, que quedaron sen falar).