Fin de século en Palestina leva por título o libro de Miguel Anxo Murado no que relata a súa longa estadía, cinco anos, na Terra Santa. Como dicía meu avó, onde queda o ano 2000? Para os palestinos, tanto ten o ano 2000 coma o 48 coma o 67 ou coma este de 2009. Eles seguen vivindo nunha terra, a súa, invadida, ocupada, asediada e aldraxada ata o máis vil dos acosos e as humillacións.
Fin de século en Palestina é un libro magnífico, de descricións, vivencias, lembranzas e reflexións. “Gaza era, e segue a ser”, describe Murado, “a maior prisión do mundo, un soar de area valado con arames onde se aglomeran máis dun millón de persoas, o lugar con maior densidade de poboación do planeta... a metade dos habitantes viven en campos de refuxiados e polas billas de Gaza City corre a auga salgada do mar. A auga potable é demasiado prezada e a maior parte servía entón para regar os xardíns dos colonos israelís. Estes tiñan campos de golf na parte da Franxa na que despregaban...”
Gaza é un territorio doente onde os homes tentan sobrevivir malia o risco permanente de aniquilación. “Como sempre, a pesar do perigo, axiña apareceron os vendedores de auga, de limoada, de bocadillos... Non tiñan medo. Non lles preocupaban os soldados nin os disparos, preocupáballes quedar sen cambio.” A retranca mantén a súa presenza constante ó longo da narración: “A xente que busca os culpables das guerras entre quen se benefician delas deberían estudar o caso dos taxistas. A guerra, para eles, é case un paraíso: poden cobrar o que queiran, as normas da condución quedan en suspenso e ademais non hai tráfico nas estradas.”
Fin de século en Palestina supón un percorrido dende o pasado ata o futuro pasando por aquel presente de guerra miserable e, coma sempre, inxusta. “Ein Karem, unha fermosa vila nos arredores de Xerusalén... Ata 1948 fora unha poboación árabe de maioría cristiá... deportaran a todos os seus habitantes durante a guerra e agora convertérase nun lugar de moda para os israelís con gusto estético e cartos.” Eis un exemplo do pasado levado ó presente. Velaquí un agoiro do futuro segundo un membro da CIA en Ammán: “Os palestinos están fodidos. O mundo non é un lugar xusto.”
Se queres entende-lo chamado conflito de Oriente Próximo, se queres coñecer ata que punto chega o asoballamento do Estado de Israel e o sufrimento do pobo palestino, le o libro de Murado, onde tamén atopara-las cumpridas anotacións sobre Hamas e Al-Fatah.
Un misterio final: Como consegue combinar Murado traxedia e comedia sen que ambos efectos tan dispares se repelan?

0 comentarios:
Postar um comentário