20.1.09

Nenos e pais

Onte cumpríuse o primeiro cabodano da morte de meu pai. Cando eu cumprín os corenta, advertiume: agora a vida vaiche pasar sen te decatar. Tiña razón, coma case sempre dende que eu tomei en consideración as súas opinións. De meu pai herdei o máis importante que posúo: a miña conciencia de ser, ou sexa, a miña galeguidade. El nacera nun lugar, nin sequera nunha aldea, nunha montaña pequena de Covas de Viveiro. Non sei ben o porqué mais onte fun directo a un libro que fala diso, de xentes de aldea e de galeguidade. Escrito por Xavier Castro, titúlase “Historia de vida cotiá en Galicia”. O capítulo 6, dedicado á infancia, empeza así: “Os nenos tamén teñen historia.” Na seguinte páxina, atopo o texto que buscaba: “Hai un momento de epifanía na vida das persoas. Aquel no que un descobre con abraio, cando empeza a ser maior e albisca que algúns trazos do seu carácter son idénticos, ou se asemellan dabondo, ós do seu pai; figura da que se cadra pretendiamos desmarcarnos, por resultarnos pouco plausibles tales trazos. Non é un desmarque nada doado de facer, como cadaquén pode comprobar.” Nos capítulos a seguir, debería terse engadido: “Haberá un momento en que o único que pretendamos sexa emula-lo noso pai.”

2 comentarios:

Carlos Callón disse...

O psicanalista Jamil Abuchaem (curiosamente, nun artigo póstumo) concluíu que a morte do pai, en calquera idade, é o acontecemento máis importante da vida dunha persoa. Penso que tanto ti coma min sabemos que é certo.

Unha forte aperta!

Marcelino Fernández Mallo disse...

Lerei a Abuchaem. Grazas, Carlos. Unha aperta,