4.2.09

La Voz contra Quintana

A Revolución Francesa instaurou a división de poderes como mellor fórmula para garanti-la supervivencia da democracia mais axiña a praxe democrática asumiu un cuarto poder: a prensa. A prensa podería xogar un papel clave na transmisión ó pobo das pautas emanadas dos tres poderes e, tamén, do seu funcionamento dende unha perspectiva neutral. Falariamos, daquela, dunha prensa independente! Disque vén sendo, a independencia, o obxectivo principal da meirande parte dos xornais, inda que na realidade, máis ca un obxectivo, resulte unha quimera.
Os xornais galegos amosan un sesgo ideolóxico claro que mesmo presenta un certo carácter “histórico”. O seu lema adoita ser o de acubillarse á sombra do poder como mellor receita de subsistencia. Porén, o principal periódico galego hai tempo que cruzou a raia do cuarto poder e xoga a ocupa-lo espazo dos tres poderes básicos: xoga a poñer e quitar gobernos (executivo), xoga a promulgar e derrogar leis (lexislativo) e xoga a sancionar e premiar a quen actúa a prol ou en contra dos seus intereses (xudicial). O pulso acostuma rematar cun acordo pouco transparente tralo cal La Voz regulariza o sesgo informativo e a contraparte toma boa nota para cando corresponda.
Normalmente todo fica agochado, ninguén comenta nada en ningures, xamais se exterioriza a contenda. Eis o silencio dos temerosos ante o cal cabe unha pregunta: Onde queda a liberdade dunha sociedade que tapa as súas miserias?
A última “vítima” do xornal é o Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana. En realidade, é o BNG, unha organización que adoita estar na diana de La Voz con frecuencia. Pero neste caso, coido que o xornal non mediu ben nin as súas forzas nin o nivel de presión. A manobra resulta tan groseira que a maioría dos cidadáns que a seguen decátanse dos intereses espúrios subxacentes. E non a toman en serio. Peor aínda, desconfían da información e mesmo deixan de le-lo xornal. Para iso están as estatísticas, claro!, o EGM. Non se confundan: os números nunca medirán o eco e a credibilidade da súa información.

2 comentarios:

Anônimo disse...

A voz sera todo o partidista que queiras, pero se os feitos son os que son...non ten moita defensa Quintana.
Precisamente porque son votante do BNG sintome bastante avergonzada. Sentirse doutro modo seria como empregar unha dobre etica.
Cando as cousas estan mal, estan mal e punto..as faga Feijoo ou Quintana

Marcelino Fernández Mallo disse...

O malo é que a cousa anda moi revirada. A maioría do que se publica está deturpado ou sesgado ou manipulado para que pareza o que non é. Por outra banda, fíxate que nas últimas cinco ou seis semanas, apenas apareceu (creo) unha fotografía de Quintana fronte ás imaxes diarias que lles dedican a Feijóo, Touriño e mesmo a Rosa Díez. O boicot é manifesto e claramente partidista.