17.2.09

O blog múdase a BLOGALIZA

Tras oito meses de andaina nesta plataforma global que é blogspot, A TRENZA múdase á plataforma galega de bitácoras BLOGALIZA. Xa que logo, o novo enderezo a partir de hoxe é: http://atrenza.blogaliza.org. Os contidos do blog foron trasladados a blogaliza así que non perdemos nada e gañamos o calor desta lingua que nos acubilla.

16.2.09

A economía na literatura

Ante a crise, literatura, si. O malo é que ás veces, dentro dunha obra literaria, tamén atopas economía. Como non podía ser doutra maneira, a literatura que amosa con maior frecuencia contidos económicos é a feita nos Estados Unidos a partir de século XX. A narrativa ianqui resulta, cando menos ese é o meu parecer, algo claustrofóbica. Os escritores norteamericanos adoitan (non sempre, xaora!) contar historias sobre si mesmos e verbo das súas teimas entre as que salienta, de forma notable, o “tema cartos” e esa loita tan espallada pola mellora social a través do dólar.
John Updike, finado hai a penas dúas semanas, deixounos un auténtico manual de economía na súa novela “Conejo es rico”. Escollín estes dous parágrafos que me parecen reveladores da posición ianqui respecto da economía mundial. Velaquí (versión en castelán): “El dólar está condenado a seguir arrastrándose hasta que descubran cómo obtener gasolina más barata del alcohol de cereales, lo que nos restituirá en el puesto de mando. Porque cereales sí que tenemos.” Tendo en conta que o texto corresponde ó ano 1981, se cadra debería matizarse a esperanza que existe hoxe, vinte e sete anos despois, de que os cereais poidan substituír algún día ó petróleo. Outra: “Exterminarlos, digo; quitarles el petróleo a los árabes del mismo modo que se lo quitamos a los esquimales.” Abstereime de facer comentario ningún sobre esta declaración feita por outro dos personaxes de Updike naquel premonitorio ano de 1981.

12.2.09

A xira do Chisco

Estes días, chamáronme a atención dúas entrevistas publicadas en diferentes xornais, en concreto a Manuel Bragado e a Quico Peón Mosteiro, directores respectivamente de Xerais e Xacarandaina. Na primeira, Bragado manifestaba algo que nos debía preocupar e, sobre todo, ocupar: o estancamento do sector editorial en galego, e xa que logo, podemos inferir, tamén da literatura galega. Peón Mosteiro, pola súa banda, afirmaba que os integrantes do colectivo de danza galega era auténticos “voluntarios culturais”.
Coido que Chisco Fernández Naval tería algo que dicir a colación de ámbalas declaracións. O amigo Chisco anda de xira polo Cantábrico. Colleu tres días de vacacións no seu traballo “corrente” para marchar a Bilbao e ir regresando, a golpe de ALSA, impartindo charlas, presentacións e animacións, ata completar unha ducia, sobre as aventuras do seu personaxe Suso Espada. A literatura galega estáncase en Galicia pero vai abrindo espazos fóra de País.
O Chisco é un fabulador capaz de coller calquera anécdota do cotiá e mudala nun relato fascinante. Poderiamos dicir que ten o meigallo do escritor, esa rara capacidade para xogar coas escenas e coas palabras e transformalas nun poema, nunha novela ou nun ensaio engaiolantes. O Chisco é, tamén, un “auténtico voluntario cultural”, un deses espíritos altruístas que fixo causa da divulgación da cultura galega. Algún día habería que agradecérllelo.

4.2.09

La Voz contra Quintana

A Revolución Francesa instaurou a división de poderes como mellor fórmula para garanti-la supervivencia da democracia mais axiña a praxe democrática asumiu un cuarto poder: a prensa. A prensa podería xogar un papel clave na transmisión ó pobo das pautas emanadas dos tres poderes e, tamén, do seu funcionamento dende unha perspectiva neutral. Falariamos, daquela, dunha prensa independente! Disque vén sendo, a independencia, o obxectivo principal da meirande parte dos xornais, inda que na realidade, máis ca un obxectivo, resulte unha quimera.
Os xornais galegos amosan un sesgo ideolóxico claro que mesmo presenta un certo carácter “histórico”. O seu lema adoita ser o de acubillarse á sombra do poder como mellor receita de subsistencia. Porén, o principal periódico galego hai tempo que cruzou a raia do cuarto poder e xoga a ocupa-lo espazo dos tres poderes básicos: xoga a poñer e quitar gobernos (executivo), xoga a promulgar e derrogar leis (lexislativo) e xoga a sancionar e premiar a quen actúa a prol ou en contra dos seus intereses (xudicial). O pulso acostuma rematar cun acordo pouco transparente tralo cal La Voz regulariza o sesgo informativo e a contraparte toma boa nota para cando corresponda.
Normalmente todo fica agochado, ninguén comenta nada en ningures, xamais se exterioriza a contenda. Eis o silencio dos temerosos ante o cal cabe unha pregunta: Onde queda a liberdade dunha sociedade que tapa as súas miserias?
A última “vítima” do xornal é o Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana. En realidade, é o BNG, unha organización que adoita estar na diana de La Voz con frecuencia. Pero neste caso, coido que o xornal non mediu ben nin as súas forzas nin o nivel de presión. A manobra resulta tan groseira que a maioría dos cidadáns que a seguen decátanse dos intereses espúrios subxacentes. E non a toman en serio. Peor aínda, desconfían da información e mesmo deixan de le-lo xornal. Para iso están as estatísticas, claro!, o EGM. Non se confundan: os números nunca medirán o eco e a credibilidade da súa información.